Volver Cultura e Turismo pon en valor a área termal da cidade de Ourense co impulso a un novo espazo de lecer saudable

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou os avances dos traballos, que suporán reforzar o atractivo do Campo de Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na súa visita a Ourense.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou os avances das obras que permitirán instalar un novo espazo de lecer saudable ao aire libre no Campo de Santiago, en Ourense, poñendo en valor así a área termal da cidade. Estas actuacións xorden ao abeiro dunha colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia de Turismo de Galicia, co concello ourensán que inclúe a creación dun novo espazo deportivo e a reforma dos aseos da área do Muíño da Veiga.

O novo espazo inclúe unha área para os máis pequenos, pensada para poder xogar facendo exercicios e desenvolver habilidades e destrezas motoras. Para os adolescentes créase unha zona para realizar diferentes actividades adaptadas ás súas idades e finalmente inclúese a instalación dunha área para adultos, onde se sitúan diferentes máquinas para exercicios complementarios con bancos abdominais, aparatos de marcha ou bicicleta elíptica, entre outras.

Posta en valor turística

Esta zona de lecer saudable complétase cunha actuación que comprende a mellora dos aseos situados na área do Muíño da Veiga, unha actuación que tamén contou co investimento da Consellería. En total, estes traballos supoñen un impulso de máis de 84.000 euros para poñer en valor unha das áreas máis singulares da cidade.

Con esta colaboración interadministrativa, o Goberno autonómico reforza así o atractivo desta zona, especialmente vinculada ao termalismo, ao tempo que fomenta os hábitos de vida saudable. Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia estivo acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Termalismo, Jorge Pumar.